Quiénes somos

Dámosche a benvinda a nofumadores.org e as grazas por visitares a nosa páxina.

nofumadores.org é unha asociación sen fin de lucro e sen vinculación política, sindical ou relixiosa algunha, con CIF G84307164 e inscrita no Rexistro Nacional de Asociacións do Ministerio do Interior co número 172.478. O seu obxectivo prioritario é defender en todo o Estado español o dereito a vivirmos sen termos que estar obrigadas/os a respirarmos involuntariamente fume de tabaco. Non son obxectivos de nofumadores.org desenvolver cursos de deshabituación ao tabaco nin animar ningún/ha fumador/a a abandonar o seu hábito.

A iniciativa xurdiu dun grupo de persoas de toda España, de moi distintas idades, nacionalidades e profesións (médicos, enxeñeiros, economistas, empresarios, profesores de universidade, etc.) que, tras compartillaren experiencias e inquedanzas a través da Internet, decidiron usar este medio para defender a/o fumador/a pasiva/o. Conforme o Ministerio de Sanidade, o tabaco mata anualmente en España 50.000 persoas e, polo menos, 700 de entre elas son fumadoras pasivas, que morren como consecuencia de doenzas relacionadas coa exposición involuntaria ao fume de tabaco, considerado pola OMS como un carcinóxeno.

A Lei de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo ofrece, por fin, ás persoas que non fumamos un sólido marco legal para defendermos os nosos dereitos. A asociación nofumadores.org apoia e celebra a devandita lei pero segue reclamando que o 100% dos lugares de lecer sexan libres de fume de tabaco, entendendo que as persoas que alí traballan teñen todo o dereito a un ambiente laboral saudábel. Ao mesmo tempo, desde nofumadores.org , sempre velaremos polo cumprimento estrito desta norma.

Se compartires as ideas de nofumadores.org , esperamos que o noso compromiso, dedicación, seriedade, entusiasmo, transparencia e tolerancia te animen a uníreste. Asinar a nosa carta aberta á Ministra de Sanidade e te faceres socia/o só te levará un par de minutos e é completamente gratis. Cantas máis persoas formos, máis fácil será facer ouvir a nosa voz.

Por outro lado, se o teu compromiso na defensa da/o fumador/a pasiva/o for alén diso e dispuxeres dun pouco de tempo, convidámoste a colaborar connosco. Se este for o teu caso, podes contactar connosco en informacion(arroba)nofumadores.org e nos dicires cal é o teu perfil, onde estás e qué dispoñibilidade de tempo tes á semana, e porémonos en contacto contigo.

Por el derecho a vivir sin humo de tabaco